Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/06/13

Un rato díxolle á lúa

Non sei ata que punto estará ben recibir este tipo de agasallos, porque un pódese malacostumar e logo esixir demasiado...
A verdade é que o agardaba, pero non tan cheo de emocións: tres artistas que me deixan alí a súa sinatura!
E claro, estaredes a vos preguntar, que raios lle pasa a esta?
Estou a falar dun libro que vén de publicar a editorial Xerais. Si, un libro de poesía chamado Un rato díxolle á lúa. Non o coñecedes? Pois non tardedes, por favor, en ilo buscar.
Un rato díxolle á lúa é unha antoloxía poética. Está realizada por Fran Alonso, quen xa nos demostrou que sabe realizar este tipo de traballos con Poetízate. Agora selecciona poemas de Antonio García Teijeiro; Xosé Cobas ilumínaos. Paco Ibáñez mesmo lles dá voz. 
Entón, pódese pedir máis?
 Abride o libro. Un libro calquera é un cofre de tesouros. Un libro de poesía é un tesouro que envolve tesouros. Un rato díxolle á lúa é ese cofre que contén, ademais, a lúa. Unha lúa que xoga co lector a abrir e pechar os ollos: abrilos á verdade social, á realidade que ás veces nos queren agochar ou que se nos antolla demasiado afastada; pechalos para soñar, para sorrir, para falar cunha lúa xoguetona e inqueda que tamén é quen de palpebrexar. E por suposto, a música. Ler os poemas deste libro significa irremediablemente sermos cantantes. Non podemos ler sen cantaruxar. Para demostralo, non hai como poñer o CD e arrouparnos coa voz de Paco Ibáñez. Ollo! Se estades a conducir, seguide cos ollos na estrada. Este CD é altamente perigoso. O defecto é a súa pouca duración.
Seguiría falándovos do libro, pero xa sabedes o que opino: mellor é que o leades. Iso si, non esquezo as ilustracións dun home que é pura sensibilidade; se nos embriaga coa súa voz, que fará cos seus debuxos! É capaz de transmitir tal dozura e delicadeza en cada un dos seus trazos que conmove con só pasear polas páxinas.



Grazas, Helena!


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Cachisss como me gustaaa

María Jesús dixo...

Querido Antonio!!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.