Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/07/13

Dor

O mércores 24, a media tarde, ía apagar o ordenador para marchar a Santiago. Celebrar as festas, as vacacións... e algunhas cousas máis. Entrei no Facebook e a nova golpeoume: acababa de morrer unha amiga. Levaba un tempiño loitando contra o cancro, e cando semellaba que estaba dominado, este volveu saltar por outro lugar case imperceptible: xa non puido loitar, as armas termináranse. Unha vez máis, a morte venceu. Que difícil é enganar a morte!
Así que collemos o coche xa cunha fonda tristura no corazón. Pero eu non son eu, teño máis xente ao meu arredor, e a eles me debo. Camiño de Santiago, golpeounos a traxedia. Parados na estrada, ambulancias, bombeiros e policía pasaban ao noso carón a toda velocidade. Pouco a pouco fomos coñecendo as dimensións da traxedia. O meu corazón, apouquinado, comezaba a desaparecer entre tanta bágoa. Xa non era eu, xa non era a miña tristura, era unha dimensión sobrecolledora sen límites. 
Os plans decorreron esquivos. O 25 xa non foi tal, foi un océano hendecasílabo de bágoas.
Nesta primeira metade do 2013 tiven que dicir adeus a dous grandes amigos e a dúas compañeiras. Deses adeuses que quedan na gorxa, magoándoa. Deses adeus sen pronuncia. Deses adeuses sen sorriso nin esperanza.
E logo, todo isto. A traxedia achegada, case a carón da nosa casa. 
E enmudecín.
Non fun quen de falar, de respirar, de comprender. Neste loito meu e neste loito social, só me queda o silencio. E o meu amor para quen sofre por perder a alguén querido.

Onte, ao saír do funeral, unha señora díxome: "Que Deus non nos mande nada que non poidamos soportar". Supoño que o ser humano está preparado para sufrir unha e mil veces. Pero ás veces a dor é ben insoportable.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Si, moita dor toda xunta. Que paren xa, que esclarezan e non fagan máis ferida nos pobres achegados.

Susana dixo...

Palabras non hai, Gracia. Unha aperta.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.