Coido que esta será unha das últimas novelas negras deste ano. Pero tiña que solucionar algúns erros, como non ter lido nada deste clásico, Chester Himes, que é publicado por RBA na súa Serie Negra: Algodón en Harlem constitúe unha lectura ben interesante dende varios puntos de vista: sociais, posto que o autor decide comentar as diferenzas sociais existentes entre brancos e negros, e de personaxes, posto que os dous detectives protagonistas presentan unha serie de características que se afastan doutros coma eles. Dous homes que son moi semellantes fisicamente, negros, inquebrantablemente honrados, brutos, utilizando métodos non sempre legais pero que lles funcionan.
Nesta crítica social ninguén sae ben parado; nin brancos nin negros. A maioría dos personaxes destilan maldade e violencia; son trampulleiros e só buscan o seu beneficio persoal. Ademais, non todo se resolve satisfactoriamente nin todos os criminais son castigados como merecen. Esta é a crúa realidade, e a novela non está polo labor de adozala.
Desde logo, un autor de obrigado coñecemento.
Sen comentarios
Publicar un comentario