Reproduzo (aínda non saín do meu abraio e impotencia) o imprescindible artigo que Valentina Formoso publicou en Prolingua:
Dime, hija, hija mía lozana...
No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.
Nas vésperas de comezar o novo curso, un máis a sumar no proceso de desgaleguización do que vimos dando conta nestas Voces, non pensen, lectores e lectoras, que o tema deste artigo vai versar sobre os libros que a sociedade do futuro ten que engulir en inglés para aprender algo sobre o toxo -cada vez máis queimado- dos nosos montes. Este plurilingüismo, mal entendido e mal enfocado, xa claramente plasmado noutra “voz” por Mercedes Queixas, véndeselle ás familias como a panacea dunha modernidade que, na realidade, encobre o desleixo pola lingua propia de Galicia e pola súa promoción e normalización. Disto, máis ou menos, xa estamos ao tanto. Pero escápansenos detalles que, se cadra, por non viren orquestrados en Decretos, non lle damos a importancia que teñen, pero que -non fondo- teñen a intención de reducir a nosa cultura, non só ao tamaño bonsai, senón ao de gañota, despois de cortala polo pé.
Volvamos aos libros de texto. Nun deles, o de Lingua castelá e literatura de 2º ESO da editorial SM, hai un bo exemplo destes intentos. Na páxina 128 (unidade 6) fálase do xénero lírico e os e as discentes que traballan con este material, teñen unha mostra de como se tratou o amor na poesía nas diferentes épocas da literatura (castelá). O primeiro texto, pertencente á Idade Media, está tirado, segundo reza no pé, dunha “Antología de la poesía medieval” da editorial Ágora. E de que poema da “poesía medieval española” pensades que se trata? Pois un que empeza: “Dime, hija, hija mía lozana...”, que vén sendo a tradución da famosa cantiga de amigo escrita en galego-portugués (dato que non se cita en ningures, por suposto):
Digades filla, mia filla belida
por que tardastes na fontana fría
Os amores hei...
Mais o que o alumnado pode ver e ler é:
Dime, hija, hija mía lozana
por que tardaste en la fría fuente?
Amores tengo
-Tardé madre en la fuente fría
porque los ciervos del monte el agua revolvían
Amores tengo
Tardé madre mía en la fría fuente
porque los ciervos del monte revolvía el agua
Amores tengo
-Mientes, hija mía, mientes por tu amigo
Nunca viu un ciervo que revolviese el río
Amores tengo
Ademais de presentaren estes versos sen ritmo nin rima, os mesmo que montaron o escándalo pola cita do artigo 5.1 do noso Estatuto ... argumentarán que este é un libro dunha editorial estatal que tanto se vende en Murcia, en Salamanca ou na Coruña e que teñen que “entendelo”... O que non escoitei aínda foi a explicación que lle dan a que aínda neste curso que pasou se lles ensinase aos estudantes de secundaria que as cantigas galego-portuguesas e as jarchas formaban parte da literatura castelá medieval,.... E que o peor deste intento de usurpación da nosa brillante lírica medieval non é que nun libro apareza unha cantiga traducida, senón que o profesorado de castelán en Galicia explique, ratifique e reafirme tal cantiga “medieval castellana” diante do alumnado... A este paso aínda teremos que escoitar que a que aparece no libro de “gallego” é tradución, ou unha copia, da de castelán...
Ao lado dunha política lingüística autonómica que está triunfando no intento de arrincar o galego desde as escolas infantís ata o bacharelato, hai outras políticas máis “sibilinas” pero que cumpren a mesma función des-normalizadora para a cultura galega en xeral e para a lingua en particular. A intención é arrasar, pero con menos fume ca o que botan os montes, de aí que cause menos estupor social, mais mostra o nulo interese polo patrimonio propio: histórico, cultural, lingüístico e ecolóxico.
Sen comentarios
Publicar un comentario