Seguramente xa sabiamos que Joe Sacco é un dos autores de cómic máis imprescindibles da actualidade. O feito de que poidamos lelo en galego debémosllo á editorial Rinoceronte. Desta volta, o libro é Goražde, zona segura, unha recreación da supervivencia na guerra aínda ben recente na antiga Iugoslavia. Conta como a poboación de Goražde, prefire seguir na súa vila a pesar do perigo que supón ser musulmá entre forzas serbo-bosnias. Quizais o máis importante é ver como a esperanza alberga nos corazóns das persoas, a pesar da pouca humanidade que amosamos continuamente.
Narrado en primeira persoa, comeza cando en outubro de 1995 o autor vai a Goražde xunta outros xornalistas. Ao ser protagonista, é quen de nos relatar cun maior achegamento as reaccións da xente, as entrevistas e os testemuños dos sufrimentos. Como é típico nel, o seu debuxo amosa a crueza da guerra e a forza do ser humano por sobrevivir (chamáronme a atención as mini-centrais para obter electricidade). O autor quere contalo todo -non me estraña!- e ás veces a lectura do cómic faise pesada, pero creo que a propósito: non podemos obviar o feito de que estamos a ler os horrores da guerra e os conflitos que o autor vive ao seu arredor.
Polo tanto, un deses cómics imprescindibles para non esquecer quen somos. Esta guerra sucedeu aí ao lado!
Sen comentarios
Publicar un comentario