Absolutamente recomendábel e sorprendente. Encantoume. Los Hermanos Negros é unha adaptación de Hannes Binder sobre a obra homónima de Lista Tetzner publicada pola Editorial Lóguez. Un libro que debe estar nas bibliotecas escolares para lembrar como viven nenos con menos fortuna.
Primeiro, un pouco de historia:
En 1933, por ser contrarios á ideoloxía nazi, Lisa -escritora de literatura infantil- exiliouse xunto co seu home, Kurt Kläber, a unha cidade próxima a Lugano (Suíza). Esta autora adoitaba basear os seus contos nas circunstancias sociais, e cando soubo da crónica "Pequenos escravos suízos", un relato que contaba a experiencia de nenos suízos que no século XIX eran vendidos polos seus pais para traballar en Milán, escribiu Los Hermanos Negros, unha novela de 500 páxinas onde contaba as aventuras de Giorgio, un rapaz que se ve obrigado a deixar Sognono para marchar a Milán como aprendiz de desenfeluxador.
50 anos despois, o ilustrador suízo Hannes Binder adapta a obra orixinal ofrecéndonos esta maxistral novela gráfica onde lemos unha historia dramática que non deixa de ter un ton optimista para conseguir un final feliz.
Se a historia é inesquecible, o debuxo é magnífico, gravados que nos amosan mundos de contrastres, imaxes que falan por si soas con detalles minuciosos que nos farán demorarnos na súa lectura.
O dito, unha lectura imprescindible.
Sen comentarios
Publicar un comentario