Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/10/13

Días que non foron

Como en todo libro de relatos, hai algúns que me gustan máis e outros menos. Isto é o que me ocorre con Días que non foron de Luís Rei Núñez publicado por Xerais
O primeiro relato, baseado no afundimento do "Prestixe" encantoume e emocionoume; o autor mestura os feitos coa crise persoal que está a sufrir o protagonista, un xornalista que debulla as mentiras dunha prensa ao servizo do goberno e as súas mentiras. Non hai aquí dúbidas nin dobras: os responsables políticos desta traxedia aparecen con nomes e apelidos. Neste contexto, o protagonista mergúllase activamente na axuda que xorde neses días, nesa "marea branca" que tanto nos enorgulleceu. Precisamente, este heroe colectivo é tamén personaxe no relato, como a loita contra o poder e o despropósito.
Destaco tamén o relato “Con Franco na Zapateira”, pola achega que supón a presenza dun neno de trece anos, orfo dun asasinado por ideas contrarias ao réxime, cando se converte no caddie favorito de Franco. Que posibilidades ten el de elixir? Pode realmente cambiar a súa propia historia? Debe ser fiel á memoria do seu pai ou debe entregarse a un posible golpe de sorte que o tire da fame? Namentres, o autor pode relembrarnos cantas atrocidades se comenteron con total impunidade na posguerra coruñesa. 
E xa postos a destacar, teño que dicir que  “Unha voda por poderes” non me gustou, unha historia que soa a coñecida cun donxuán sen vergoña que se aproveita da muller de aldea, descoñecedora ata do marido alén do mar.
Con todo, coido que paga a pena a lectura dun libro que se pasea polos últimos anos da Historia de Galicia dende a Guerra Civil até a Guerra de Irak.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.