Fun Home. Una familia tragicómica é de Alison Bechdel e está publicada por Reservoir Books Mondadori. A historia que conta é moi interesante, aínda que non me acabe de convencer a súa lectura, non sei se por ter unha prosa demasiado densa ou pola inxenuidade dos debuxos. Aínda así, é unha obra a ter moi en conta, polo interese que supón a historia en si mesma (o descubrimento da propia sexualidade, a relación con seu pai, a oculta homosexualidade deste...) e polo amor pola lectura que respira a obra. Isto destaca dende un principio: a autora amósanos personaxes lectores continuamente; os libros son e serán case o único vínculo con seu pai e serviranlle á protagonista de explicación para que o lector poida entender o carácter ben difícil da figura paterna.
E como todo, TODO, está nos libros, o suicidio do pai está en Camus, a sexualidade da moza está en Colette e a relación filiopaternal en Wilde. E isto é posible porque a literatura é a vida.
Xunto ao amor á literatura está o compoñente argumentativo principal que xira arredor dun pai que resulta ser o que non se pensaba; a autora consegue presentarnos o complexo mundo no que vive con sinceridade absoluta e cunha reflexión necesaria que se fai dende a honestidade e a procura de coñecerse a un mesmo e aceptarse. O que non sempre é doado.
Sen comentarios
Publicar un comentario