
Escolle o autor o período de tempo que discorre entre os nove ata os catorce anos, mesturando a particular historia da Suráfrica de mediados do século XX, pero refuxiándose nalgunhas anécdotas que nos permiten ver un neno malvado e cruel que non quere enfrontarse a si mesmo e a quen lle gusta facer sufrir á súa nai. Quizais escolla escribir en primeira persoa para afastarse precisamente diso que foi e buscar un tipo de redención, non sei. Pode ser un xeito de ir pechando portas que mentres permanezan abertas aínda doen. Pór as cartas boca arriba. Confesarse. Un acto de expiación? O libro é, en si mesmo, ese paso que hai que dar para deixar atrás a infancia e superar todos os medos que transporta.
De fondo, esa sociedade en permanente tensión, unha burla cruel cara a aqueles que non son iguais, en termos relixiosos ou en termos de cor da pel. E comprobamos a difícil convivencia entre brancos e negros, entre ingleses e afrikaners, entre protestantes, católicos e xudeus. Vaia, entre ricos e pobres, que é a historia desgraciada da humanidade.
Pero tamén vemos como o propio protagonista non sabe moi ben a que clase pertence. O único que adoita ter claro é que pertence á granxa da súa familia, único lugar onde non debe autocastigarse nin ser culpable nin ser perfecto. Tan só, ser el mesmo.
Sen comentarios
Publicar un comentario