Impresionante a lectura deste Maria de Mary Wollstonecraft publicado por Hugin & Munin. Un libro sobre o difícil que é ser muller nunha sociedade que considera que esta non ten ningún dereito agás o de servir ao esposo pacientemente e aturar que ser muller conleva ser subimsa. É unha das primeiras achegas ao feminismo, polo que a lectura resulta dobremente interesante. Unha reflexión constante en todas as súas páxinas cando conta todas as vexacións físicas e psíquicas que tivo que aturar por ser muller; non por ser máis intelixente ou liberal, senón simplemente por comprender que non existía xustiza nesa diferenciación de sexos.
Aínda que é en gran medida un relato en primeira persoa, a novela acada unha reflexión social, e non se centra só nos sufrimentos da protagonista. Outro mérito da novela é conseguir a empatía d@s lector@s para considerar que a experiencia da protagonista, inxustamente encarcerada, oprimida por ser muller, é consecuencia tan só de vivir nunha sociedade patriarcal represiva e que poida coñecer experiencias de mulleres de varias clases sociais e orixes diferentes. Unha lectura que non resulta doada pero na que a autora amosa unha destreza literaria capaz de transmitir a súa mensaxe política para tentar manipular a posibles lectores da súa época. Unha linguaxe que consegue mesmo ser emocional cando deixa que o seu corazón ame e sexa amado. Busca por tanto a alianza co lector ou lectora para que este ou esta participe na historia e lle teña un afecto especial e procurando unha narración emocionalmente convicente.
Sen comentarios
Publicar un comentario