Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/13

Mi vida querida

Non hai mellor ocasión para falarmos deste libro! Esta miña última lectura coincide co Nobel de Literatura á súa autora, Alice Munro. Mi vida querida está publicada pola editorial Lumen. Que imos dicir desta autora arestora despois de coñecela non hai tanto! Ten a capacidade de converter ás mulleres protagonistas dos seus relatos en seres especiais, cheos de humanidade e con emocións tan reais que non precisan ser especialmente intensas.
Neste libro de relatos temos unha muller con poliomielite, unha nai que deixa a filla para deitarse cun actor, unha nena que permite o afogamento da súa irmá, unha moza que queda cuns tíos fundamentalistas... contos que deixan unha estraña pegadano lector.
Os últimos catros relatos baséanse en textos e anécdotas da familia da autora, tal como ela afirma. A pardtir de calquera detalle constrúe o conto grazas ao seu dominio da linguaxe e un especial afastamento dos sentimentos.
Prosa que é poesía, palabras que van máis alá, pensamentos que voan para saber asemade algo que a autora non desvela e que será o noso maxín quen ocupará ao seu antollo.
Se non a coñecedes, non agardedes moito. Paga a pena!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.