Xa me gustou a portada. Mamá xirafa apertando ao neno xirafa. Como non? E logo vén a tenrura de texto e ilustracións: en Non fai falta a voz de Armando Quintero con ilustracións de Marco Somá queda reflectido o amor das apertas sen necesidade de palabras. E o certo é que un só aloumiño di tanto e é tan necesario e preciso! Os animais "humanizados" deste álbum andan a xogar e parolar felizmente entre eles... ata que chegan as xirafas, que non teñen voz! Pero... que importa iso? Hai outros xeitos de comunicarse. E será esta especie a encargada de dar novas voces aos e ás compañeir@s de xogos. Porque as emocións, os sentimentos, son máis doados de transmitir do que parece. Só temos que poñer a nosa intuición niso.
Collede o álbum para sentilo. E comprobaredes que doado é. As ilustracións destilan tal sensibilidade que será imposible non querer dar un aloumiño á persoa que tes ao lado... e a quen -ás veces- dis: "quérote".
(...)
O can ladra.
Os cachorriños responden.
O gato miaña.
Os gatiños… tamén!
(...)
E a xirafa?
A xirafa non ten voz.
E a xirafiña, aínda menos!
Pero a xirafa ten un pescozo moi longo…
Tan longo que, con el,
acariña a súa cría.
Sen comentarios
Publicar un comentario