Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/10/13

Os ángulos da brasa

Non existe mellor día para falar deste poemario de Manuel Álvarez Torneiro ca hoxe: vén de recibir -onte soubémolo- o Premio Nacional de Poesía 2013 con este seu libro Os ángulos da brasa publicado pola Faktoría K de Libros. Poesía amable e infame, con presenzas evocadas de poetas internacionais (Avilés de Taramancos, Valente, Hölderlin, Rilke, Whitman, Shakespeare, Vallejo, Guillén, Juan Ramón...) ou músicos irrepetibles (Schubert, Mozart, Vivaldi...) xuntos con grandes artistas (Veermer, Caravaggio, Brueghel, Chagall...) que danzan nos versos asidos ao Tempo, un Tempo que pretende sandar feridas, mesmo reconciliarse cun pasado no que as pantasmas evocan outras sombras máis grises, roubadas dun tempo que naufragou nuns anos que foron famentos, os da posguerra. A calor que se vai apagando nese paso do tempo inexorable aínda é potente para falar dunha brasa que antes de esmorecer lembra. E lembrar significa vivir, porque toda vida constrúese con esas lembranzas de pequenos detalles e que xoga coa propia morte mentres pensamentos e reflexións xogan con ese ineludible paso do tempo que nos convertirá en cinza.

De súpeto, a tristeza.
A hora das arañas.
Un arlequín durmido no cansazo.
O neon asasino das orquídeas.
A asfixia do inhóspito.

De súpeto, a tristeza:
a túa flor onte pensada
e hoxe neve.

E un concerto de frautas
contrarias e unánimes.
As máscaras do mundo.
Os miradores cegos.
E un animal lambendo a súa morte.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.