Cando abrín o paquete o primeiro que vin foi unha madiña de millos que xa me conquistaron. Que preciosidade de libro! Que emoción ao ir abrindo pouquiño a pouquiño ese mini tesouro! Estou a falar do libro disco Pan de millo de Migallas publicado por Kalandraka. Catorce cancións que contan coa participación de Magoia Bodega e Paulo Bodega, do grupo Treixadura, e colaboracións de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, coas marabillosas e alegres ilustracións de Dani Padrón que resaltan pola súa cor e o seu movemento que conseguen transmitir verdadeira expresividade.
O fío condutor é o proceso de elaboración do pan de millo coma un xogo, mentres a diversión ocupa os nosos sentidos deixándonos levar pola música e as letras pegañentas que tratan temas indispensables como a paz e a colaboración, pero lembrando tamén que o teatro debe formar parte asemade das nosas vidas.
1 comentario:
as ilustracións, o mellor.
Publicar un comentario