Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/10/13

Pasaje de las Sombras

Como ben mandada que son, fíxenlle caso a Agustín Fernández Paz e sucumbín a esta lectura, a última de Arnaldur Indridason: Pasaje de las Sombras, VII premio RBA de Novela Negra. E ben que fixen! Non decepciona Indridason dende que a primeira novela que lin, La mujer de verde.
Pasaje de las Sombras encantoume. Gustoume o tratamento temporal, correndo a historia en dous tempos ben diferentes e que chegarán a solventarse ao final, nun necesario e tráxico cruce de camiños, con alusións aos contos tradicionais -con un remata o libro- e con zarrapicadas sociais da Segunda Guerra Mundial e a actualidade, igual que hai referencias á vida persoal dun dos protagonistas onde non falta a presenza da violencia de xénero -algo que este autor xa denunciaba na súa primeira novela-; asemade, chamativo resulta a evolución do uso lingüístico do pronome de cortesía; hai que destacar tamén como a presenza das tropas estranxeiras durante a Segunda Guerra mundial en Islandia axudou a unha liberalización da muller a pesar das críticas da sociedade. Este realismo social, pasado e presente, axuda a coñecer algo máis deste país que se nos antolla tan afastado e descoñecido, e é algo que debemos agradecer á nova novela negra que se está a producir, enmarcada sempre nunha sociedade chea de tachas que non sempre recoñecemos facilmente. Xente normal que se atopa de súpeto en situacións excepcionais. Como reaccionariamos nós? De aí que este tipo de xénero participe da realidade. A solución, ao final de Pasaje de las Sombras... tantos anos despois.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.