Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/10/13

Raro

Publicado en castelán como Extraño en en galego como Raro pola editorial Edelvives e Tambre, escribe Marcos Calveiro un conto para os lectores máis pequenos, un libro sobre o medo e as dificultades para solventalo e sobrepasalo, un libro sobre as diferenzas que cremos insalvables.
Un medo irrefreable que nos fai sentir diferentes, un medo ao descoñecido, ao inmenso, ao mundo en xeral. Ese medo consente que un neno non sexa quen de saír da súa casa ata que coñece unha nena que pode sentir algo semellante... ata que comprenden que, botando unha ollado ao seu arredor, ninguén é "normal", porque nas diferenzas é onde nos atopamos ben. Ou non?
É ese medo ao descoñecido, ao diferente, o que tantas veces move o medo nos homes e nas mulleres, o que fai estragar a humanidade, o que consente aberracións e malos tratos. E ese medo pode superarse grazas ao entendemento. E así será como este neno protagonista do relato de Marcos Calveio poderá saír da súa pechazón para entender que hai que ir avanzando, dando pasos, ollando arredor con outros ollos e sentirmos que, todos xuntos, formamos un conxunto que non debe desfacerse. Pero chegar ata aquí non é doado. Alguén dixo o contrario?








Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.