Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/11/13

O afundimento do Titán

Apaixoante lectura esta que nos propón a editorial Hugin e Munin: O afundimento do Titán de Morgan Robertson. Un escritor que é quen de prever o futuro, como soubo facer o famoso Verne. 
Nos primeiros capítulos, a miña mente contaxiada non era quen de separar o que estaba lendo do "Titanic". Non daba imaxinado o que me describía o autor sen virme á cabeza toda a visualización que coñecemos do transatlántico desaparecido. Pero a lectura, por fin, foise apoderando de min e conseguín afastarme para centrarme neste Titán e os seus personaxes. E foi fascinante.
O gran barco Titán naufraga tras  chocar cun iceberg, morrendo por falta de botes salvavidas grande número de persoas; ollo, isto foi escrito en 1898, catorce anos antes da traxedia do Titanic. Pero non é a única coincidencia: o nome do capitán do Titán era Smith, como o do responsable do Titanic; ambos os dous naufragaron no Atlántico Norte nun mes de abril, e a tonelaxe, dimensións, velocidade, número de botes salvavidas e aínda de pasaxeiros destes grandes barcos eran incriblemente semellantes. Pero non é isto o máis interesante da lectura -un pouco de morbo si que dá- senón a crítica social que traslada: as manobras das grandes compañías que só se interesan polos seus beneficios, o clasicismo, o abuso de poder... Claro que isto segue vixente hoxe en día, non si?
E por suposto, a historia de amor e de superación persoal que segue de fío en toda a novela. E que fai que teña outro sustento engadido. Con final feliz, ademais. Un personaxe interesante con dúbidas existenciais que ama e desexa ser amado para topar o máis achegado que existe á felicidade. Unha persoa que amosa ser humano valente cando se precisa e que dubida dese deus bondadoso que a relixión se inventa para ter contentas ás persoas. Un protagonista que paga a pena coñecer.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.