Asistín este xoves ao X Simposio do Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital». Alí tiven a sorte de topar cunha muller absolutamente deliciosa que ocupa unha boa parte do meu corazón e mesmo de pór corpo a quen coñecía virtualmente. Asemade, o reencontro con vellos compañeiros e amigos profesionis conseguiron que o día fose moito máis interesante e rideiro do que nun principio supuña.
Como xa vén de facer Manuel Bragado o resumo da xornada, non vou eu repetir o mesmo (lacazana que son!) porque estou segura de que sempre o faría moito peor. Pero aproveitando que ao meu arredor hai xente moi disposta, pendinlle ao compañeiro Serafín Alonso Pintos, quen ao meu carón tomou notas toda a xornada, que fixese unha colaboración especial para este blogue sobre a magnífica charla que Suso de Toro impartiu como remate da xornada. Ben é certo que teño moita sorte coas amizades: non dubidou en "acatar ordes" e aquí está, a súa visión do bo momento que pasamos en compañía do noso grande escritor.
Tamén hai que dicir que é el o autor da foto que acompaña o texto. Ben vedes que é mellor redactor que retratista!
Velaí vai o texto (con ligazón incluída a un artigo ao que Suso fixo referencia na conferencia). Grazas, Fito:
Atopámonos con Suso de Toro este xoves no X
Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores (“O
futuro da biblioteca no entorno dixital”). Diante dun público especializado que
deixou por un día o seu traballo nas bibliotecas públicas todo ao longo do país
para ateigar o Auditorio do Consello da Cultura Galega, expuxo un conxunto
de respectuosas, solidarias e
perspicaces reflexións arredor da biblioteca e a súa función na cultura
occidental. Así, evocando a memoria lectora e cinéfila da obra O nome da rosa, lembrou o feito lector
no mundo medieval, onde un individuo podía mesmo, como ficcionaba Eco, ocultar fisicamente
un libro (que era ademais exemplar único!) ao público, circunstancia imposible
no hiperconectado mundo actual. A biblioteca pública, aberta a todos, pasaría
máis tarde a substituír as moi reservadas bibliotecas dos pazos ou mosteiros, e
saber ler convertiríase en chave de mundos e horizontes profesionais outrora
descoñecidos para a maioría da poboación. Pero aquel paradigma crebou. O propio
Suso de Toro tivo que asumir a clausura dun modelo de produción e transmisión
cultural do que el mesmo, como escritor e intelectual, fora exemplo senlleiro entre
nós.
A pesar diso, as bibliotecas públicas conservan importantes
fortalezas. Entre elas, a de permaneceren como institucións inclusivas e plataformas
educadoras de civilidade. Fronte a un poder económico que soña con greas de
consumidores iletrados, a biblioteca resiste ademais como evidencia de que non
todos os espazos de habitación son iguais. A rapazada non se comporta igual nun
centro comercial ca nunha biblioteca. O espazo lector demanda respecto, xeitos
e ritos, por caso o silencio, que antes
caracterizaban o comportamento en ámbitos sagrados e hoxe están socialmente desaparecidos
ou en retirada. Trátase, ben seguro, dunha estrutura ameazada, como o resto das
que integran a cadea de comunicación (pénsese nos xornais de papel), pero que mantén
unha relación dialéctica co seu tempo, escoita á xente e as súas necesidades,
crea comunidade e persiste polo de agora como espazo privilexiado de
civilización. Grande Suso de Toro, coma sempre.
Sen comentarios
Publicar un comentario