Veño de rematar este último libro de Anxos Sumai publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio García Barros 2013: A lúa da colleita. A verdade: non sei moi ben que dicir. Xa parezo unha das miñas alumnas exclamando: "Recoméndoa" e non sabendo engadir nada máis. Supoño que debería repensala e madurala antes de achegarme ata esta páxina en branco que me agarda expectante. Tal era o meu xeito de enfrontarme a esta lectura, a expectación que foi in crescendo, curiosa, ata rematala. Unha novela moi ben escrita que nos afasta de lugares comúns para achegarnos a unha muller que sofre de bipolaridade, algo que seguramente adoita parecer ben afastado. A memoria como xoguete, a coincidencia como reflexión, os personaxes como monicreques arredor dun marabilloso argumento que oscila entre as dúas mulleres que presentimos e lemos e que son unha. A procura dun pasado que se dilúe nunha amnesia enfermiza e obsesiva, con presenzas estrañas e acontecementos case inexplicables, personalidades múltiples que gravitan sobre un tempo presente en que o final chega a ser tan contundente como agardado: hai final verdadeiro? Só a morte, e non é o caso.
Imposible non adherirse a estes personaxes que arrastran, a esta vitalidade e a este modo de encarar a vida, os problemas. O vello que fotografa obsesivamente, a amiga que vive e deixa vivir, o hotel que pracidamente convida a lacazanear... A vida, en toda a súa extensión. A vida que emociona. A vida que esgota. A vida que queremos... conservala moito tempo.

E como xa sabedes que son repugnante e que me gusta pór defectos, coido que ese irmán tan necesario ocúltase demasiado e non amosa a actitude que cabería esperar del. Pero en fin, por buscarlle cinco patas ao gato, que xa sabemos que ten só catro.
Unha novela inesquecible.
1 comentario:
Haberá que lela porque así deixas abertas moitas portas. Con tal que sexa boa literatura xa invita entrar por elas.
Publicar un comentario