Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/12/13

A pantasma da Casa da Matanza

Onte namorei. Si, foi un frechazo que me sacodeu enteira e que me fixo vibrar. Tan só o puiden posuír uns minutos, o xusto para encherme del, para respiralo, tocalo, miralo, sentilo, lelo. Logo, pasou a outras moitas mans e o meu ataque ciumento foi in crescendo: custábame respirar. Agora, devezo por volvelo ver. Necesito telo comigo e ser a súa dona.
A ver. En que estaredes pensando? Cando vexades este libro, vós sentiredes exactamente o mesmo. A pantasma da Casa da Matanza, poesía -conto rimado- de Miro Villar e ilustracións de Xosé Cobas, está deliciosamente editada por Biblos. Aínda por riba, é unha homenaxe a Rosalía. Que álbum!
Unha vagamunda lectora que vive nas sombras da casa e que é fonte de inspiración para a mesma Rosalía. De seguro que tamén o será para vós!

 Xa vedes que non teño nin a portada. A ver se alguén me le e fose tan amable de ma enviar...




 

Moito xa se falou de min, malvados
e atravesados foron os comentos;
mais, queiran ou non, andan ben errados.
Estade, meus amigos, ben atentos
e escoitade esta historia ben sentados.
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.
Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecín a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.
Co recendo dos figos da figueira
olleina escribir versos nesa fiestra,
aproveitando a luz nesa cadeira.
E lía en alta voz coma unha mestra,
verso a verso, a estrofa toda enteira.
Escoiteina reler os seus Cantares
e os versos repasar de Follas Novas.
Eu corría detrás dos seus andares
na busca de palabras, vía as probas,
collía unhas, deixaba as máis vulgares.
Rosalía aprendeume devagar
os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar,
a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Vaia, eu pensei que onte só te namorarias de"Enredando versos"mais... pensando na Matanza podiamos ligar este álbum coa "Memoria da choiva" de Pedro Feijoo???falando de pantasmas calquera dos personaxes de ficción sono, ou non???

Ronsel dixo...

Eu namoro con facilidade, de "Enredando versos" xa o estaba, e isto non significa que lles sexa infiel, simplemente que quero a todos por igual. Que corazón tan grande!!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.