En plena crise lectora, cansa aínda de exames e avaliacións, acudo, como non, á miña mellor droga, que non é outra que un chute de novela negra. Desta volta, un dos mellores escritores do xénero, Craig Russell e a súa últia entrega co detective Lennox: El sueño oscuro y profundo publicado por Roca. Xa sabedes que esta serie transocrre no Glasgow dos anos 50 e o detective é un personaxe duro, de mal carácter -estragado por ter que loitar na guerra- que finalmente tenta facer o correcto. Nestes libros intuímos a aparición das mafias actuais na figura deses Tres Reis temibles e dominadores dos baixos fondos da cidade, mentres existe unha policia corrupta e a corrupción vai domesticando moitos ámbitos soiciais (sóavos de algo?). O noso detective, como persoa (persoa humana, dirían algúns) que é, tenta redimirse, ser mellor persoa, ter un futuro alegre, pero cae en contradicións e cambios continuos. É o destino ou hai cousas que non poden cambiar? O autor deixa unha porta aberta a unha posible relación que quizais sexa a solución para o noso personaxe.
O feito de situarnos nos anos 50 insta ao autor a que as súas novelas policíacas adquiran un ton diferente ao xénero negro actual, e lembrándonos aos grandes como Chandler: non hai móbiles nin análises de ADN, só enxeño, armas e forza bruta, acompañados, iso si, do poder da intelixencia, do humor e do sarcasmo.
Deixádevos atrapar polo frío glasgowniano.
Sen comentarios
Publicar un comentario