Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/01/14

Los surcos del azar

lossurcosdelazarportada
Borda o seu último cómic Paco Roca: Los surcos del azar publicado por Astiberri é unha auténtica xenialidade, unha obra para a memoria e dende a memoria, tan necesaria sempre. Fala Paco Roca dunha historia ben interesante e descoñecida, a historia da 9ª Compañía da 2ª División Blindada da Francia Libre, formada na súa maioría por españois do bando republicano que sufriron unha vida tremebunda e derrotada cunha ilusión, derrotar o fascismo. Loitar contra os nazis é loitar contra os fascistas españois. Esa era a súa grande ilusión. Unha ilusión non cumprida: primeiro África, logo Gran Bretaña e finalmente Francia cunha máxima final: volver a España e derrotar a Franco. Algo que nunca conseguirían. Algo que danaría a súa alma e os enchería de pesar e dunha tristura inacabable.
Chama a atención nesta obra como decide o autor abordala: pasado e presente se intercambian continuamente variando a cor -o pasado a toda cor mentres que o presente está en branco e negro e os debuxos máis esquematizados-, utilizando o presente como un xeito de procurar solucións, máis ben respostas, a todo canto antes ocorreu. E así imos conformando unha parte da nosa historia máis recente conxugada cunha vida de soidade na que, por suposto, non falta o amor, fuxindo de estereotipos e tópicos. Así que tan pronto poidade achegádevos a este libro que retrata unha parte da complexidade da historia e do propio individuo, porque non todo é branco ou negro, senón que temos unha ampla gama de cores e non podemos reducir o noso compromiso nin o noso actuar a unha soa explicación.  Pero ler sobre a nosa historia, entender un pouco mellor as persoas que nos conforman porque forman parte de nós todos eles é importante, como o é recuperar a historia e saber que moitas veces a paz da que gozamos é debida a un sufrimento que ignoramos. E facelo dun xeito tan fácil e ameno parece inverosímil. E non o é.




surcosdelazarinterior


surcosdelazarinterior2


Para qué llamar caminos a los surcos del azar escribiu Antonio Machado quen tamén está nesta obra, cunha ollada perdida, homanexeado por Paco Roca.
 
149-copia

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.