O último poemario publicado por Xerais de Daniel Salgado é Dos tempos sombrizos, I Premio de Poesía Gonzalo López Abente. Poemas que conforman un diario, poemas que falan da sociedade, de compromiso, de liberdade, de xustiza. Por riba, ou en derredor, a música. Por que non sentir o jazz mentres lemos a Salgado? Con el, permanece un agocho para a esperanza, porque sabemos que non estamos sós, que hai poetas que senten coma nós e deciden loitar dende a palabra. Palabras que son armas. Pero armas fermosas que desexamos posuír.
pola última mañá de outubro.
Pensas na folga máis antiga da historia
-contra Ramsés III, 1166 a. C.-
e na sucesión de corpos insurrectos.
Nin así dás evitado
esta sensación de frío colectivo.
O tempo en que nos adentramos
é incerto, consideras.
Ningún sinal indica
que non vaia haber sangue e lume.
O prezo a pagar doe, pero doe
nos ósos.
Non existe metáfora dispoñíbel
para as actuais circunstancias.
Sentimos na propia carne
o vento que empurra os salgueiros.
1 de novembro
Xúntanse ao pé do río, pero cara ao interior.
Na fronteira.
Celebran que unha vez
houbo república
na formación social histórica
que chamamos
Estado español.
A memoria fai parte do
corpo.
Doe nas mans.
Cando lembran, sempre
están na fronteira.
Os camiños teñen
cicatrices.
Sen comentarios
Publicar un comentario