Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/02/14

La historia del amor

Puntualísima, a nosa prezada colaboradora Carme recoméndanos un fermoso libro:



                Que importante o  inicio dunha novela!  Cando lin como comezaba La historia del amor (Salamandra, 2002), de Nicole Krauss, pensei que este libro había pagar a pena, e así foi. Quen se pode resistir a este comezo: “Cuando escriban mi necrológica. Mañana. O pasado. Pondrán: Leo Gursky ha muerto. Deja un apartamento lleno de mierda”.
                Que acontece en  La historia del amor? Aínda que o amor artella toda a trama , tamén teñen o seu espazo o desamor, a memoria, a perda, a soidade, a ensoñación, a amizade, a traizón, a envexa…Ademais, asistimos a todo un exercicio metaliterario, onde se describe a viaxe do libro co mesmo título, escrito por Leopold Gursky. Este ancián, cerralleiro de profesión  e residente en New York, abandonou a Polonia ocupada polos nazis, deixando alí ao seu grande amor, Alma Mereminsky. Será outra Alma, esta vez Singer, quen a busque moitos anos despois para atoparlle sentido á historia dese libro que o seu pai atopou nunha librería bonaerense  e do que súa nai, tempo despois, recibe o estraño encargo de traducir. Catro historias superpostas onde as vidas de todos os personaxes (Leo, Zini Litvinoff, Jacob Marcus,Bird, Isaac Moritz, David e Charlotte Singer…), aparentemente sen ligazón, acaban converxendo de xeito, algunhas veces, previsible (porén, isto non impide que nos teña en ascuas a maior parte da lectura).
                Literatura e vida en estado puro, o azar como compoñente fundamental da existencia humana e o recurso da ironía presente a cada paso. En definitiva, déixase sentir o alento austeriano en moitas das súas páxinas. Pero isto non é un engadido reprobatorio, pois a autora consegue que, notándose a influencia, esta non se convirta en simple imitación, quedando o lector/a co desexo de seguir lendo a súa obra. La gran casa, a súa primeira novela, que Gracia reseñou hai tempo ofrece boas perspectivas, non vos parece?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.