Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/02/14

Recinto Gris

 


Sorpréndenos -con maiúsculas- Ledicia Costas nesta nova entrega de lectura adolescente publicada na serie Fóra de Xogo da editorial Xerais. Sorprende polo cambio de argumento, non de facilidade argumentativa- e non o fai por abordar temas que, cremos, son da súa preferencia: a busca da xustiza humana e a exposición de realidades ocultas ás que preferimos non mirar, agochar nun cuarto secreto ou simplemente pechalas coma se non existisen. Pero existen. Existe o bullyng, existe o engano en internet, existe o amor fracasado. E existen os finais que non son felices. Xa nolo demostrou Ledicia nas súas anteriores novelas, aquelas que son de lectura anceiada polo alumnado.
Recinto Gris é unha metáfora, unha sociedade dominada por homes que procuran ante todo solventar e facer desaparecer diferenzas que non son do seu agrado. Pero quen é diferente? Diferentes por ser albinos, intelixentes, enfermos, pobres...? Unha novela que ante todo denuncia aquilo que xa aconteceu que pode acontecer en calquera momento: un equilibrio social dos poderosos que non admiten ideas contrarias. Así chegamos aos totalitarismos. E así o lemos en Recinto Gris. Ledicia non deixa pausa nin alento, case nin esperanza, ao longo da obra. Pero o home, o Home, pode loitar, ten esa capacidade que ás veces esquece por medo ou por desidia. E Ledicia, nunha alegoría constante que podemos chamar fantasiosa, acode as ás que deberiamos ter na nosa mente. Esas ás, humanas, axudan á defensa. Pero o que é máis importante é a unión e a esperanza como motor que move o mundo. Só sendo persoas, perdón PERSOAS, poderemos salvarnos de nós mesmos. E iso implica, como non, respectar as diferenzas.
Creo que vos vai gustar!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.