Rematei onte de ler este libro e aínda estou conmocionada. Todo un descubrimento! Publica Sexto Piso esta novela curta de Nell Leyshon, Del color de la leche sitúanos na Inglaterra rural de 1930 e cóntanos a historia de Mary en primeira persoa. Unha historia de penuria económica e de malos tratos por parte dun pai severo que precisa axuda para saír adiante. Pero logo vén o que vén. O seu cambio de vida dáse cando ten que ir traballar á casa do vicario e aprender uns novos costumes e... aprender a ler! Isto supón unha auténtica revolución, un motivo para seguir adiante, un novo mundo que descubrir.
Pero o que máis chama a atención do libro é como está escrito. A moza nos reproduce o seu xeito de escribir, a súa inmediatez de pensamento, as frases curtas e sinxelas. Pero a anguria vai medrando no lector a medida que imos avanzando na lectura, a medida que imos mergullándonos na desgraciada vida dunha persoa que nace muller, pobre e con defectos físicos. Algo tremendo. E ao mesmo tempo namoramos desa moza de quince anos que non ten pelos na lingua e que contesta sen pensar nas consecuencias. E logo a dor, a inxustiza, ou a xustiza pola man como pide Rosalía. O final é unha dor atroz na mente do lector, algo do que non vou falar, claramente. Amargura comedida ante unha auténtica xoia literaria.
“estoy sentada al lado de la ventana y estoy escribiendo esto con mi propia mano, y tengo que escribir en las horas de sol porque hay luz y la luna no da suficiente luz, porque por la noche está oscuro y cuando está oscuro no puedo escribir."
2 comentarios:
Sabía que te gustaría...je je je
Menos mal, amiga! Xa pensaba que non ía volver ler un libro!
Publicar un comentario