Chegou no momento oportuno, a verdade. Porque o devorei e necesitaba algo así, unha lectura lixeira, atraente, e que ademais recórdanos o estrés e a hipocresía que vivimos arredor. Paula Daly ofrécenos en ¿Y tú qué clase de madre eres? publicado por Roja & Negra unha reflexión sobre o papell da muller, a procura dunha perfección que non existe e un tempo que é limitado. Arredor da desparición dunha mociña, a trama desenvólvese fresca da man de dous narradores: Lise, a protagonista, angustiada e ao mesmo tempo divertida que saberá debuxarnos máis dun sorriso; unha muller normal e imperfecta que "peca" e non confesa porque pode producir unha hecatombe; unha muller que se sabe "defectuosa" e que tenta sobrevivir o mellor que pode. Unha máis, coma calquera de nosoutras. Logo temos á policía investigadora. Unha muller que é, ante todo, unha boa profesional. Pero unha muller de carne e óso. Soa e cun problema físico que a atormenta.
A outra voz narradora é un narrador omnisciente. En cursiva asemade leremos os pensamentos do pederasta, nauseabundos, que non nos permiten esquecer que estamos ante unha novela negra.
Ten algúns defectos de construción e de solución de conflitos.
Hai moitos máis ingredientes. Xa digo, o bo que ten é, unha vez máis, que atrapa. Que ten un final inesperado. Que goza de sentido do humor. Que transpira crítica social. Que fai reflexionar.
Ben é certo que non é redonda nin perfecta. Desde logo, non é un libro dez pero cumpre a súa función: a de que o lector ou a lectora non sinta o paso do tempo inmiscida na lectura. E iso xa é algo. Moito, creo eu. A min, cando menos, veume moi ben!
Sen comentarios
Publicar un comentario