Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/04/14

El perro enamorado de las estrellas

Permitídeme a expresión: estou flipando con estes mangas que ando a descubrir. Este último é de Takashi Murakami e está publicado por Ponent Mon (unha edición que reúne os dos títulos nun só volume): El perro enamorado de las estrellas é un libro moi premiado no seu país onde os cadeliños son protagonistas da tenrura, a sensibilidade e a Amizade. Si, con maiúsculas.
Fixádevos na portada. Pois si, por esa portada cheguei eu ao libro, do que non coñecía nada en absoluto. Pero pensaba que ía ler unha historia completamente diferente, a verdade. A Historia, Historia que une os diferentes relatos do libro e que completan un sentido ao final de todo, é que un cadeliño axuda a construír a personalidade do seu dono, facéndoo mellor persoa ou conseguindo que non se sinta só: un home divorciado, só, que marcha co can; un neno abandonado pola nai; un traballador social ; unha anciá deprimida... historias de vidas que nun momento se cruzarán e en todas elas se amosarán a lealdade dos cans, que comparten os seus problemas. Por certo, non só os cans son protagonistas, senón que son os que contan as historias (dúas en cada parte): isto tamén axuda a construír a reflexión sobre o efémero da vida, sobre o absurdo que resulta tanto sufrimento, sobre o valor da Amizade e dun sorriso.
A figura do can namorado das estrelas é a metáfora de desexar o imposible.





Ah! Eu non teño can. Maxino o que pode gustar este libro a quen si o teña!!!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.