Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/04/14

Moito conto

Como fai María Jesús para adiantarse sempre? Ultimamente fai ela o meu traballo! E claro, eu léoa e xa non teño nada que engadir! Estas son as súas palabras:

 






















"Os contos clásicos universais son unha fonte de inspiración inagotable para os novos creadores. Neste fermoso álbum ilustrado (Moito conto) de OQO Editora, dous autores, Enríque Páez polo texto e Marjorie Pourchét polas ilustracións, retoman os vellos personaxes tan ben coñecidos e os fan interactuar entre eles dando orixe a situacións novas e sorprendentes, porque, polo que se ve, o tempo tamén pasa para estes protagonistas e as historias poden cambiar substancialmente. O final resérvamos unha nova sorpresa que, en certo modo, restitúe o equilibrio. As ilustracións son preciosas, cunha técnica mixta que mestura delicados e minuciosos debuxos con gravados e estampacións e que achega á historia toques de humor sutil. Un libro que gozarán sen dúbida os nenos e nenas que coñezan previamente as historias clásicas que aquí se parodian".








 Dende logo, non resulta doado reunir nun só álbum a todos os personaxes dos contos clásicos. Este conségueo, e sobre todo encántame o final. E conste que a primeira páxina deume un pouco de medo!!! Pero logo foime encantando o desenvolvemento, un libro que semella tirado das técnicas narrativas de Rodari, facendo relacionar os diferentes personaxes das historias clásicas. A liberdade que outorgan os creadores aos personaxees permite que saian do seu ámbito cotián para adentrarse noutras situacións que procurarán unha sorpresa tras outra: revolución contista!!!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.