Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/04/14

O pequeno señor Paul


Teño que lle dar as grazas a Helena por agasallarme esta xoia que eu descoñecía: O pequeno señor Paul é de Martín Baltscheit e está  ilustrado por Ulf K, publicado por Xerais no 2008. O libro é sobre todo unha cura: imposible non debuxarmos un sorriso mentres o lemos e imposible desdebuxalo ao rematalo. Un pequeno señor que medra entre libros ensínanos como estes poden salvar de días aburridos e solitarios: a lectura rescátanos da mediocridade. Pero acontecen moitas cousas: o señor Paul perde o riso e procurarao ata topalo. Ui, o señor Paul ten un día pesado... como facelo máis lixeiro? O señor Paul quere ir de vacacións pero gasta todos os cartos en libros... como pode facer (e a min por que isto resúltame coñecido?)
Todo isto e máis poderedes atopalo no libro, calquera cousa que poidades maxinar. E fóra complexos do absurdo!!!

Cando o pequeno señor Paul era un señor Paul aínda máis pequeno, vivía nun mundo cheo de libros. A casa dos seus pais estaba de arriba abaixo chea de libros. Había libros no salón, libros no soto, mesmo no faiado había libros en andeis.Poderíase pensar que a familia Paul vivía realmente nunha Biblioteca. Mesmo algúns dos mobles eran libros.Había tallos feitos de libros, unha butaca de libros, e co atlas enorme do avó fixeran unha mesa.Dependendo da páxina por que estivese aberto, a familia podía almorzar en América, cear en África ou tomar o café na Lúa..."

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.