Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/04/14

Tiempo de canicas

Ediciones La Cúpula achéganos este cómic de Beto Hernández, Tiempo de canicas. Un cómic sobre a infancia e os seus sentimentos. Un protagonista e varios personaxes que se conforman ao seu arredor: pelexas de maiores que pequenos non entenden, as coleccións de cromos -que os pais desprezan-, os irmáns menores a quen hai que aturar, as rapazas que non entenden aos rapaces, os novos e gamberros amigos, os xogos, as series de televisión.... Un microcosmos que sucede na infancia e que os adultos gardamos na nosa memoria, miles de anécdotas que nos van formando ata facernos maiores. E o máis importante: no cómic non aparecen adultos. Eu creo que aí tamén reside a súa eficacia: é capaz de transmitir os sentimentos da infancia onde os maiores berran, castigan, chaman e ordenan... sen velos. Porque o libro está pensado precisamente para iso.
Un cómic sinxelo tamén no debuxo, que pretende asemade plasmar a inxenuidade desa idade, un mundo onde domina o maxín e non a maldade. Sinxelamente, é un libro que apela á nostalxia, é unha homenaxe á infancia, é unha lembranza. Non temos que nos sentir identificados co que alí ocorre (o autor escolle unha trama lineal propia) pero si que veremos reflectida a sensación da felicidade da nenez. E iso abonda.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.