Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/05/14

A viaxe de Gagarín

Se algo caracteriza a escrita de Agustín Fernández Paz é a súa capacidade para emocionar o lector. E nesta última novela publicada por Xerais, A viaxe de Gagarín, volve facer unha demostración deste seu oficio. O libro vai gañando en intensidade a medida que avanzamos na súa lectura, de xeito que en determinados momentos sentimos bailar unha bágoa inqueda nos ollos que dese xeito impídenos avanzar na lectura por nubrarnos a vista. 
Sérvese o autor dun encandramento histórico ben orixinal para dar voz a un protagonista que decide rememorar unha parte chea de claroescuros do seu pasado, un apaixoante retrato dunha parte da sociedade antifranquista que loitaba na sombra -arriscando a súa propia vida- por unhas ideas que como tales estaban prohibidas. Este encadramanto histórico do que estamos a falar é a saída ao espazo de Yuri Gagarin e a chegada de Aldrin e Armstrong á Lúa. Os verdadeiros protagonistas da obra, son, de seguro, eses pais e eses amigos que arriscaron todo canto tiñan pola defensa da Liberdade nun estado antidemocrático. Mentres, asistimos ao amor adolescente, ao primeiro amor, a un amor que nunca se esquece. E este descubrimento do Amor vai parello ao descubrimento de que medrar é saber e asemade é entender, procurando que o silencio sexa, neste caso, o mellor aliado. Porque é o silencio quen acompaña os remorsos, é o silencio quen salva, mesmo é o silencio que nos propón o lector sobre determinados acontecementos (que lle ocorreu á nai no cárcere?) porque ese espazo si podemos ocupalo nós, lectores e lectoras, e maxinar o que foi vivir así dese xeito e nesa época só por pensar diferente. O terrible resulta que iso segue a existir no século XXI e non temos moitos indicios para sabermos que desaparecerán este tipo de inxustizas na sociedade global deste século, unha sociedade que vive e deixa medrar mentres mira para outra lado un cercenamento dos dereitos que se foran adquirindo e que agora parece que, irremediablemente, preguntaremos: ulos?
Ogallá puidésemos asegurar que os acontecementos que nos lembra Agustín non volverán ocorrer!
Así, imos lendo un libro que ten esa cualidade, déixase ler, ás veces cal fervenza, ás veces cal lago estanco, porque hai momentos que desexamos reter e hai outros que nos tiran coa forza da caía. Defectos? Pode telos, pero gañan as vantaxes da lectura e da memoria.

A carón desta novela podedes topar un blogue que nos indica o proceso de documentación do autor, un blogue que fala de aspectos que teñen que ver coa novela pero que non tratan do libro. Así toparemos información sobre a figura de Julián Grimau ou a xesta de Valentina Tereshkova. Un blogue que o autor declara con data de caducidade posto que constará de vinte ou vinte e cinco entradas.

Toparedes este  documental que paga moitísimo a pena ver:

Sobre a primeira película que aparece na novela: Marcelino pan y vino:

Sobre a radio Pirenaica:

Sobre un documental magnífico, "First Orbit", que recrea de forma moi orixinal a viaxe de Gagarin:

Unha das entradas máis importantes polo grao de descoñecemento que existe hoxe dunha realidade tan próxima e tan amarga é sobre a Brigada Político Social, a policía política do franquismo:

Entre outras entradas.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.