Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/05/14

A voz do vento

Publica Xerais este libro de Pemón Bouzas merecente do LX Premio Ateneo Ciudad de Valladolid: A voz do vento é unha novela histórica ambientada en Cangas no século XVII. Un feito crucial desencadea unha serie de acontecementos que desembocarán no asunto central que ocupa a nosa lectura: a inquisición e a ambición desmedida. A figura de María Soliño, ben coñecida, é un dos eixos sobre os que xira este mundo de falsa bruxería que nos deixará fascinados e horrorizados mentres lemos. Unha vez máis, o motivo final, o que se agocha detrás de fanatismo eclesiástico, non é outro que o económico.
Interesante resulta a lectura por sabermos máis sobre a Galicia desa época, unha Galicia que comercia e pola que camiñan comerciantes de todos os lugares, unha Galicia cotiá que se afasta dos tópicos habituais e onde o autor non sacrifica descricións exhaustivas de escenas escabrosas ou dos procesos inquisitoriais. O libro vai gañando en intensidade a medida que avanzamos na lectura e a cada páxina que lemos a lectura medra en interese. Desgrazadamente, non podemos evitar sentir como a historia continuamente se repite: na crise aumenta a ambición dos poderosos que sempre estrangularn ao máis feble ata deixalo case sen alento. Triste é que o ser humano sempre sinta esa necesidade de poder que provoca perda de humanidade. Curioso resulta saber como as falsas bruxas poden selo dependendo do seu patrimonio. Non sei se é moi verídica vinganza que se realiza cara ao final, pero un pouco de xustiza poética ou literaria nunca está de máis, sabendo que a real é máis difícil de acadar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.