Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/05/14

Carta de las islas Baladar

 Volve a sorprendernos a editorial Kalandraka -desta volta baixo o seu selo Faktoría K- cun clásico imprescindible de Jacques Prévert con ilustracións de André François: Carta de las islas Baladar é nin máis nin menos que do ano 1952 e constitúe unha metáfora viva da corrupción do poder, da liberdade e a dominación. Un texto magnífico que resalta a non evolución social que vivimos. Ou máis ben, a involución, por estar plenamente de moda.
E é que estas illas son unha marabilla do océano, un paraíso natural onde cadaquén vai ao seu ritmo e é feliz, onde non existe a cobiza nin a envexa, onde a vida é tranquila e sen présas. Pero, de súpeto, dende fóra, alguén sabe das súas riquezas e decide que hai que ir aló para explotalas (isto semella ben coñecido, non si?)
O autor realiza unha durísima crítica ao capitalismo feroz, ao imperialismo das grandes potencias e en xeral ao anceio de poder que move ás persoas. Sempre baixo o humor e a parodia. Unha reflexión sobre o que é verdadeiramente importante, unha crítica ao tempo que vivimos, un canto á liberdade que nunca pasará de moda.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.