Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/05/14

Mishiyu

 
Unha auténtica fermosura é este álbum ilustrado que nos chega da man da editorial Combel con texto de Ricardo Alcántara e ilustracións de Rebeca Luciani: Mishiyu aborda o tema da adopción dende os dous puntos de vista, o da nai e o do neno adoptado. Destaca o valor da nai en soidade e o seu instinto maternal e destaca asemade que o libro non pretenda agochar que hai infancias que non son felices e que hai nenos que viven verdadeiros infernos. E as ilustracións abundan neste aspecto: nenos que non son quen de sorrir porque non teñen ningún motivo para iso. Son magníficas e xenerosas, onde a expresividade xoga un papel esencial porque contemplamos as miradas e os xestos: eles falan por si sós.
Por iso este álbum ten, quizais, un dobre valor: porque non agocha a dor dunha infancia desgarrada e porque non busca unha parella marabillosa que queira adoptar: é tan só unha muller quen chea de medos e dúbidas sabe que vai saír adiante porque quere ese rapaz.
E nais así coñecemos moitas.
Así que historia emotiva, emocionante, que non deixa indiferente porque fala de sentimentos, de amor, de soños, de sufrimento, de esperanza, de medo. Pero tamén dunha luz ao final do túnel: o refuxio incomparable dunha nai.


 “Isabel lo rodeó con sus brazos. Mishiyu se cobijó entre ellos y allí se sintió a salvo, notando que ese era el lugar que con tanto ahínco había buscado”.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.