Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/05/14

Nomeando

E antes de rematar o Día das Letras Galegas, quero amosarvos un fermoso texto dunha nosa alumna de 2º de Bacharelato; participaba no concurso de microrrelatos que organiza o Concello de Silleda e resultou gañadora. O tema, as Terras de Tras Deza.


A súa autora é María Lamazares e como podedes comprobar fixo todo un exercicicio de recollida nun texto mínimo dunha gran cantidade de topónimos das parroquias do concello.





Ti es cuadro de beleza infinda, gravado a lume nas miñas pupilas.
En táboa da Arca de Noé está escrita a túa fundación.
Na ponte dos tempos lame lágrimas a viuva do xefe do castro morto na batalla perdida do tempo. 
Os señores Abades escribiron os nomes dos meus antepasados nos libros vellos dos Pazos.
Nunha caixa de Piñeiro descansarán os meus ósos cansos, cando a víscera que latexa fique por fin parada. Nas rellas da memoria fican lembranzas do avó carboeiro e do avó oleiro
Teño a man dúas palabras que se xuntan nunha, si a dor me permite escribir aínda o teu nome: Tras Deza.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.