Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/06/14

Ámote Leo A. Terminal de... chegadas?

Acertei quen era o das pintadas!!! Gañei a aposta!!! Siiii. Pero foi o único que acertei.
Estou a falar da terceira parte da triloxía que nos propuxo Rosa Aneiros hai uns meses: Ámote Leo A. Desta volta, a última entrega leva como subtítulo Terminal de chegadas. Por suposto, todos eles publicados por Xerais. Por fin resolvemos todos os misterios e acompañamos a Leo por unha viaxe apaixoante noutro continente. O final, o mellor, porque somos quen de deixalo aberto. E porque Rosa preséntanos uns pais comprensivos que xa quixera eu para min daquela. Pero a esperanza de que o amor tamén ten algo que dicir nesta vida queda aí e porque a amizade atópase en calquera lugar para axudar a superar os peores momentos.
Unha boa lectura para o noso alumnado adolescente, agora que xa a temos completa o profesorado sabe máis ca nunca que ten aquí a posibilidade de enganchar ao lectorado dende o primeiro volume, porque Leo nunca deixa de sorprender. Encantoume a resolución das pintadas, porque maxínoa vividamente, e porque coido que tal como sucedes arestora as cousas sería ben doado que puidese suceder algo semellante. Claro que hai algúns elementos que lle poden restar credibilidade ao relato, ou facelo menos verídico, pero para iso está a Literatura, para pecar deste xeito.
Parabéns á autora por ofrecernos unha moza afouta, lonxe de estereotipos sociais machistas e retrógradas tan patentes hoxe en día noutras novelas de moda, lonxe de ser unha moza dependente dun mozo que decide por ela, pero que pode sentir porque os sentimentos e a paixón forma parte das nosas vidas igual que o anceio da liberdade e a necesidade de vivila con responsabilidade.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.