Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/06/14

Remontar o río


 

Sensacional edición deste poemario de Helena Villar Janeiro en Tirar do Fío Edicións: Remontar o río con ilustracións de Luz Darriba. Neste senso, namoroume máis a forma que o contido, posto que o libro convértese nun obxecto artístico, un libro sen lombo despregable en doce metros de papel onde imaxe e palabra van da man, coma un río que percorre paseniño o papel do tempo de lectura; un libro numerado posto que a edición limítase a 500 exemplares. Afonda a poeta na memoria vital que almacenamos dende a infancia para buscar a propia metáfora da vida, aquela que axuda a andar o camiño que percorremos, a andalo para adiante e para atrás, entre soños e realidades, entre pezas musicais e versos, entre viaxes e remorsos estantíos. Porque o río das nosas vidas non permanece parado e as súas augas renóvanse e renovánnos.

Imaxe do libro de poemas que a escritora Helena Villar presentará mañáFOTO:


O poemario foi concibido mentres a autora subía o Danubio desde Budapest a Linz. "Impresionoume moito ir río arriba nun barco que vai vencendo a corrente para ir ata as orixes. Isto revolucionou moitísimo a miña percepción da viaxe. Os oito días de percorrido permitíronme intentar remontar o meu propio río, o da miña vida. Nese barco escribín o 80 por cento do libro".

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Moi agradecida por esta publicación e polo aprezo ao libro.

Ronsel dixo...

Grazas por achegarte ata aquí. Aperta

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.