Se non hai moito falabamos dun libro de poemas ben especial, hoxe toca falar doutro libro da mesma autora, Helena Villar Janeiro, pero arestora dirixido ao lectorado máis novo. Un libro publicado pola editorial Galaxia e ilustrado xenialmente por Mª Fe
Quesada: As señoras cousas, no que a autora fala daqueles elementos da natureza que nos rodean e que en realidade os/as máis pequen@s terán que ir descubrindo pouco a pouco. E que mellor xeito de facelo senón en verso? Poemas sorpresivos e musicais con rima asonante que nos falan do libro, da lúa, da neve, a choiva, o mar... Dentro de cada unha destas "cousas" cabe todo un mundo cheo de maxia e fantasía que cómpre indagar. Porque non só hai cousas palpables, cousas tanxibles que nos rodean a cotío, senón que a autora propón tamén, nese exercicio de fantasía cómplice, tocar cousas que non podemos, coma o frío ou a lúa (que quere un camisón!).
Sérvese asemade a autora de refráns populares para introducir o imaxinario popular, así como valores humanos coma o pacifismo, ben patente no último poema:
"Mambrú non vai á guerra,
¿e que fará agora?
Cultivará oliveiras
que dean moitas pólas
e sementará millo
para manter as pombas."
Sen comentarios
Publicar un comentario