Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/07/14

Carta de una desconocida

Estamos de noraboa! Volve Carme a colaborar co noso blogue. Botabámola de menos e aquí está... con triple recomendación. Case nada, unha novela, un cómic, un filme. Todo un luxo nun só post. Así que... grazas miles, Carme!

Ás veces, provoca certa preguiza reler obras que, por currículo, hai que explica curso tras curso nas aulas. Mais hai bastantes autor@s aos que non desagrada voltar, máis ben ao contrario, e un deles é Stefan Zweig. Aproveitando a relectura de Novela de xadrez, recunquei en Carta de una desconocida, na editorial Acantilado,  e non se trata de descubrir aquí e agora a valía dunha figura como esta, pero si recomendalo unha e outra vez. Se atendemos á credibilidade do argumento desta novela, este non pasaría nin o primeiro filtro. Pois quen pode pensar que unha muller lúcida, entre os trece e os vinte e nove anos, vive cunha única obsesión? A de que a vida lle regale a oportunidade de ver, rozar, falar ou sentir ao causante de todos os seus desvelos, un famoso escritor, vividor e mullereiro,  que se converte no seu veciño.
                A través do xénero epistolar, a protagonista cóntalle ao seu amor, nunha carta de vinte e cinco páxinas, toda a súa vida de entrega. El nunca reparou nela, excepto en dúas ocasións ben breves: da primeira, nace o fillo, e será este a razón da longa misiva, na que atopará a verdade  e descubrirá a razón desas rosas brancas, o día do seu aniversario.
                El, suxeito sen saber; Ela, obxecto con coñecemento de causa. Unha historia triste que engulimos rapidamente pola beleza das palabras xustas e o ritmo axeitado.
                E falando de historias tristes, a do propio autor, que se recolle agora nun cómic de Sensik & Sorel chamado Los últimos días de Stefan Zweig (NormaEditorial, 2014) e baseado nunha novela do mesmo título. Obra que comeza cunha chiscadela gráfica á Novela de xadrez e na que se conta a viaxe en barco de New York a Brasil do escritor e a súa segunda muller, Lotte e como será Petrópolis o derradeiro lugar do seu exilio. Quizais, ás veces renxan, por algo ridículos, os diálogos amorosos do matrimonio, en particular, e o guión en xeral, pero esas eivas quedan compensadas pola marabilla das ilustracións. Ademais, permite matinar sobre os perigos dos totalitarismos e a desgraza de tantas persoas, que querendo fuxir deles, non conseguiron escapar nunca, como no caso deste autor de orixe xudía.
                Por certo, unha delicadeza a versión cinematográfica de Carta de una desconocida, con Louis Jourdan e Joan Fontaine nos papeis protagonistas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.