Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/07/14

Miedo a las aguas oscuras



Volve Craig Russell con forza, desta volta co seu detective Jan Fabel, un policía que se afasta do clixé actual de home cheo de fisuras e depresións para termos un home normal, case feliz, preocupado pola sociedade e as súas vítimas. Miedo a las aguas oscuras está publicado por Roca editorial. Russell combina medioambiente con novas tecnoloxías para amosarnos un Hamburgo tormentoso cun río que non para de vomitar cadavres. Porque temos un asasino en serie, pero moito máis, como unha secta disfrazada de asociación medioambiental, as novas tecnoloxías, os antisistema, cumios medioambientais... Non deixa de ter un punto filosófico esta novela negra, coas reflexións sobre a evolución tecnolóxica, a evolución humana, política, economía e o coidado medioambiental. É dicir, unha novela negra que abonda, unha vez máis, sobre o mundo actual, ese no que tod@s nós estamos mergullad@s. Unha novela negra que vai máis alá para deitar unha reflexión propia sobre o mundo que nos tocou vivir. Máis ben, sobre ese mundo que construímos e destruímos para vivir nel. Ollo, tamén existe a realidade virtual. Sobrepasaranos?




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.