Interesantísima lectura esta novela que vén da man da editorial Anagrama, Peste & Cólera de Patrick Deville. Considerada como a mellor das novelas premiadas en Francia no ano 2012, o libro vén a ser unha biografía de Alexandre Yersin, quen descubriu o bacilo da peste e a vacina para derrotar tal enfermidade. Pero Yersin non foi tan só (tan só!!!) iso, un investigador, senón que ademais foi
bacteriólogo, explorador, cartógrafo, botánico especialista en
aclimatación de especies, meteorólogo, enxeñeiro e arquitecto. Un home do Renacemento, vaia. Un home que viviu a finais do século XIX e contemplou a ruindade do home nas dúas grandes guerras do século XX. O autor ofrécenos ademais un abano de personalidades da súa época, científicos do Instituto Pasteur que se dispersaron polo mundo adiante.
A acción desenvólvense en dous tempos, a Francia de 1940 cando o protagonista xa é vello e a súa orixe e formación como investigador, proseguindo a cronoloxía desta. E chama a atención como narra estes tempos o autor, falando da "pantasma do futuro" e do presente, dando vida a canto documento manexou para escribir o libro: cartas, testemuños, artigos... facendo un repaso de historia contemporánea chea de poesía e arte, porque tampouco faltan constantes alusións a poetas e artistas daquel momento, como tamén están presentes nomes que se proxectan na actualidade: Armand Peugeot,
Édouard Michelin, Louis Lumière, ou Cola-Canela, a bebida estimulante de
cor negra invención de Yersin.
Eu nada sabía deste personaxe e fiquei prendida, asemade muda. Como a historia pode esquecer persoas así? Grazas, Patrick Deville, por iluminarme.
Sen comentarios
Publicar un comentario