Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/08/14

Las reglas del verano

Non podía ser doutro xeito: álbum que nos deixa sen palabras. Publicado por Barbara Fiore e asinado por Shaun Tan. O conxunto? Unha alfaia, novamente. O título, Las reglas del verano. Unha suxestión continua para que nós, lectorado, creemos o que cumpra. A liberdade do noso maxín é a proposta que nos fai o autor. Se esta é a grandeza máxima dos álbums ilustrados, neste libro alcanza o cumio perfecto; e así, personalizaremos cada lectura, transformándoo nun libro persoal, intransferible.
As regras que nos propón o texto: “Nunca dejes un calcetín rojo en el tendedero”, “Nunca te comas la última aceituna en una fiesta”, “Nunca dejes la puerta trasera abierta por la noche”… As ilustracións que acompañan son das que deixan sen palabras, presentando un mundo surrealista, onírico, poboado de artefactos imaxinarios situados nunha arquitectura coñecida, urbana. Aquí está a imaxinación, os seres fantásticos, os xogos inventados, os perigos inminentes.
Todo unha aventura.
Imprescindible.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.