Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/08/14

Los cuerpos extraños



Foi tal insistencia da miña irmá que sucumbín. E non me arrepinto, claro está. Lorenzo Silva traza en Los cuerpos extraños publicado por Destino un ronsel de corruptelas políticas moi español e por desgrazas moi actual. Home, aquí chegan ata o homicidio, pero coido que pouco nos faltará, visto o visto. A degradación da política española é tal que nada pode sorprendernos xa. Por se quedaba algunha dúbida, o autor lévanos ao Levante español. Aí é nada. Así que esta novela podería ser un telexornal de varios días seguidos que tivese ao pobre camiñante español atado a unha televisión que tenta adozar un pouco tanta corrupción que nos rodea. Pero Lorenzo Silva decide atacala e solventala, o que non sei se xa é verídico. Cando menos, é reconfortante. E esperanzador.
O protagonista cada vez cae mellor. Dános unha idea -agardo que veraz- de como funciona a garda civil, a súa xerarquía e a súas relacións co poder xudicial. Reflexiona, escoita música, le... É un personaxe tranquilo que agrada, como agrada a súa acompañante que nesta entrega descobre un aspecto persoal importante. Agradan as súas maneiras e as súas reflexións. Agrada a súa humanidade. Quizais mesmo a súa "sapiencia".
Lemos unha novela negra, lemos unha novela realista, lemos unha novela estruturada temporalmente no ano 2013, é dicir, lemos unha novela actual. E percatámonos de que estes dous personaxes protagonistas van formando parte dunha nosa vida que reflicte a situación actual. E que van dándonos datos, asemade, da súa individualidade. Por iso a novela convértese nunha especie de espello -virtual- dunha sociedade analizada dende o punto de vista do autor. Un xeito de narrar que nos atrapa como nunca. Non sei se esta é a súa mellor entrega, pero é das mellores. Para min, moito máis cá anterior, aínda que recoñezo os meus prexuízos cara ao premio Planeta: non o podo negar.
Na novela fálannos dun libro que agarda nos meus andeis: Limonov, de Emmanuel Carrere. Agora aínda teño máis ganas de lelo. A ver cando toca.
Tamén se menciona ao noso querido German Coppini. Así que non hai nada mellor que escoitalo como tamén fai o protagonista:



El mejor momento no existe, criatura. La vida es ahora, siempre.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.