Deixei esta lectura para o verán polo número de páxinas: 858, para ser exactos. Cómpre ser moi bo para manter o lector pegado a un libro sen desfalecer un segundo, sen pensar nin un só momento "esta parte sobra", sen desexar tampouco rematalo dunha vez. Donna Tartt consegue este milagre en Un juego de niños publicado por Lumen. A verdade, non creo que sexa unha novela negra, como vin que afirman por aí. Que haxa un crime como fondo e pretexto certo é, pero a novela vai moito máis alá e o seu desenvolvemento, todas as descricións familiares, a vida que nos ensina dunha familia do sur dos Estados Unidos, afástase do concepto de novela negra.
A historia xira arredor dunha nena, Harriet, que decide abrir os seus ollos á vida case soa; porque non ten máis remedio, ou porque ten un carácter especial. E que carácter! Porque ela procura respostas, unhas inquedanzas que ningún dos adultos, sobre todo adultas, quere -ou pode- solucionar. E ela actuará pola súa conta. Tanto, que poderá poñer en risco a súa propia vida. E, sobre todo, equivocarse. Porque con cada nova equivocación podemos aprender. Ou fuxir. Que será o que ela decida nunha morea de ocasións. E axexaremos un seu futuro no que terá de arrpentirse por moitas das súas decisións infantís. O mundo das persoas maiores non hai quen o entenda. Pero aínda é máis difícil medrar. Sobre todo se a insensibilidade rodea unha infancia disposta a medrar sabedora e consciente daquilo que lle importa. Así que haberá espazo para a tenrura, para o medo, para o cariño, e para moita, moita estupidez. Incluída a relixión.
Sen comentarios
Publicar un comentario