Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/08/14

Y las cucharillas eran de Woolworths

A editorial Alba na súa colección Rara Avis tráenos libros e autores inéditos ou pouco coñecidos en España. Precisamente a esta colección pertence Y las cucharillas eran de Woolworths de Barbara Comyns. Un libro que paga ben a pena, xaora! 
Desde logo, a sombra de Dickens pulua polas súas páxinas. É máis, hai tintes autobiográficos esenciais, tanto que a propia autora sinala que capítulos son reais. A primeira frase coa que se abre a novela é unha declaración de intencións (“Le conté mi historia a Helen y se fue a casa llorando”) e o resto do libro non defrauda estas expectativas iniciais. Porque non só son os acontecementos o interesante, senón tamén o ton que emprega a autora para contárnolos: frases curtas, linguaxe directa, estilo fresco.
A protagonista é unha personaxe difícil de esquecer e de catalogar, porque nela hai todo tipo de claroescuros, onde non falta a autocrítica máis exacerbada. Asemade, consegue crear unha atmosfera fatalista que serve de pano de fondo para a obra. Claro que a familia política axuda e moito!!! A maldade pode resultar ben obscena. E o marido, coprotagonista, é dun infantilismo inquietante.
Quizais, a verdadeira protagonista do libro non sexa a moza, senón a pobreza, a miseria, a falta de esperanza. E a culpa. Será todo isto un castigo divino?
Pero o final devolvénos un atisbo de futuro.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.