A involución social que estamos a vivir é unha das miñas maiores preocupacións. Temo non saber transmitir ao meu alumnado certas necesidades básicas que, por desgrazas, coido que nas súas casas, por diferentes motivos, non son centro de interese. Respecto á igualdade de xénero, vexo nas súas caras reflectida unha sensación de desinterese xeral porque tanto elas coma eles pensan que é algo acadado e que eu son unha esaxerada. Como dicía Rocío o ano pasado "é que ti levas o feminismo ata onde non cabe".
Con isto de ter que dar algo así como unha asignatura chamada "Actividades de estudo" ou "Alternativa á Relixión" pretendía eu, optimista de min, aproveitar para falarmos destas e outras moitas preocupacións que me rondan arredor da educación adolescente. O fenómeno sucedeu a semana pasada, cando tentando introducilos en materia faleilles de que hai unha certa "moda" a operar os pés e tirar o dedo maimiño para usar tacos. Unha alumna, en perfecto castelán, entendeu razoable a operación posto que "a propia evolución está facendo que ese dedo desapareza; de feito, xa están empezando a nacer nenos e nenas sen ese dedo. Porque eu na casa ando descalza e fíxome que ese dedo non se usa"
A verdade é que son persoa con capacidade de reacción ben limitada. Quedei tan atónita que case non souben que contestar. Pensei en que profesor de Bioloxía terán para explicarlles a cantidade de anos que se necesitaría para tal evolución que nin existe. En fin.
Total, que vendo que Hipercor fabrica cousas coma esta:
supoño que alumnas coma a miña non tardarían en comprar tal monstrosidade porque, efectivamente, a súa nena é tan feita coma ela. Sexismo atribuíndo cualidades por cuestión de xénero, algo tan tradicional como que a intelixencia é deles e a fermosura delas.
E é que tentando abordar temas coma ese, véxome ás veces ben impotente.
Será que son eu a que ten prexuízos?
Sen comentarios
Publicar un comentario