Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/09/14

La Buena Novela

Publica Impedimenta La Buena Novela de Laurence Cossé. Unha novela moi interesante, estease ou non de acordo cos seus principios, que falan precisamente da idea de montar unha libraría que vendese tan só boas novelas. En realidade, o libro é unha reflexión sobre a cantidade de libros que se publican cada ano e cantos deles merecen realmente a pena ser lidos, xa que normalmente os consumidores deixámonos levar polo márketing e a publicidade e lense máis os libros que interesan aos grandes editores. Que significa Calidade Literaria?  Cal é exactamente o Bo Gusto Literario? Estas e outras preguntas arredor da Literatura novelística son as protagonistas desta novela, onde hai asemade algo -só algo- de intriga e moito de amor.
A maioría das novelas que se citan son francesas. Moitas delas non están traducidas ao español. Nin temos constancia delas. Pero tamén é interesante saber a proposta de quen escribe... para plantexarnos a dúbida: estaría esta novela que temos entre as mans nesa hipotética libraría que só vende boas novelas???
Curiosidade: entre as moitísimas novelas que se citan, poucos autores españois, Vila-Matas e Pérez Reverte (???). Roberto Bolaño en varias ocasión. Houellebecq será condenado como mal autor do que hai que fuxir.
Que vos parece a idea? É fascista, como se di nalgún momento, presentar unha libraría con estas características?
A min pareceume unha lectura ben levada, amena e orixinal que vos recomendo. Sobre todo pola reflexión posterior: que libros escollería eu para que estivesen nesa libraría e de cales afirmaría rotundamente que non os quero alí?


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.