Recollo de Sermos Galiza a carta de despedida de Begoña Caamaño dirixida a Uxía. Voz afouta que vén de provocarme miles de bágoas.
Querida Uxi:
...
Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas...que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa.
...
Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas...que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa.
Pero Uxi, non vou mentir dicindo que por veces non teña medo e rabia, pero é máis pola incerteza que pola morte en si mesma.
Putada, o que se di unha putada grande e real sería ter vivido unha
vida de merda, estar dende os 6 anos furgando na basura dos vertedoiros
de Antanaribo, ou dende os 8 turrando dunha vagoneta de carbón en
Bolivia, ou dende os 11 pechada nun burdel de Bankog!. Ter unha vida tan
miserable que che fai desexar a morte como un alivio.
Iso é a gran putada...e hai millóns de persoas que sofren a vida,
porque realmente a sofren, cada día. Ter tido unha vida tan boa, tan
rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e,sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte...cánta xente morrería só por ter a metade do que eu tiven....
Polo demais, Uxía ben amada, ata nestas circunstancias, aínda que
pareza estrano, son feliz, por moi grande é absurda que soe a palabra
felicidade.
Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co
que me agasallastes...facer unha festiña tranquila, poder vervos a
todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola
vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo
adormecer...sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de
Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez
máis baixiña no meu corazón,
como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas
individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable
coma o sol nun día de xuño...e xa non despertar máis.
Ese é o meu último, íntimo gran desexo. Egoista, sen dúbida, pois en
absoluto me preocupa a "outra parte", vós e a vosa tristura e
desconsolo.
Mais a vida foi tan boa comigo, tan boa con todas vós
que ata nos está dando o tempo preciso para nos ir facendo á idea e que o
salto definitvo non sexa tan traumático nen tráxico, senón unha dor
miúda, serea e calma..e que esteades todas xuntas, todos xuntos, para
vos consolar mutuamente e, cando xa eu teña adormecido para sempre,
volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo.
Bicos, Uxi. Quérote pola vida.
Bicos, Uxi. Quérote pola vida.
Sen comentarios
Publicar un comentario