Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/10/14

Miércoles

Gustoume este cómic de Juan Berrio publicado por Sins Entido: Miércoles levou o V Premio Fnac-Sins Entido de Novela Gráfica 2012. Un día nunha cidade calquera. Amence, e o amencer significa espertar á poboación. E así comeza un día calquera, a calma cotiá. Unha serie de feitos encadeados lévannos polas súas páxinas. En realidade, non pasa nada fóra do común. Quizais un roubo que non é tal. O máis importante é iso: a vida de cada día nun lugar calquera, as relacións das persoas, dos veciños, os seus pensamentos. Porque o que máis chama a atención deste cómic é que nos fala de normalidade, de pequenos feitos, de pequenos xestos, de pequenos pensamentos, de persoas normais. Daquelas cousas que poden romper a monotonía para que logo esta siga imperando. A pesar de todo, chama a atención o bo xeito de retratar a monotonía, o pensamento, o encadeado de escenas e as súas consecuencias.
E, ao final, a música. Un anexo chamado “Miércoles. Minutos musicales” nos que os personaxes bailan e interpretan diferentes cancións segundo a situación. Trazos finos en branco e negro para interpretar Fantástico” de Nat King Cole, Dile” de Karina, Yo soy un poeta” de Luis Aguilé e “Lady Dilema” de Carlos Berlanga.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.